quarta-feira, 27 de janeiro de 2010

Con Haití no corazón

Notícia:


A Biblioteca de Ames comeza unha campaña de solidariedade destinada a recadar fondos para paliar os efectos do terremoto sobre a poboación de Haití.


A campaña baixo o lema de Con Haití no corazón realizarase nas dúas bibliotecas de Ames, en Bertamiráns e no Milladoiro. Para a recadación poñeranse á venda, ao prezo da vontade, libros expurgados dos fondos e libros duplicados que se encontran no almacén da biblioteca. Algúns dos libros son usados pero unha boa parte son novos e en bo estado.


Ademais poñerase á venda un corazón de fieltro coa palabra Haití que será realizado pola Asociación Adames de persoas con discapacidade. Este corazón poñerase á venda ao prezo simbólico de 2€.


Todo o diñeiro recadado será ingresado na ONG Intermón Oxfam. A elección desta entidade foi motivada porque se preferiu contar cunha organización que se encontrase no país e que ademais contribuíse á mellora das condicións da poboación, nunha situación moi precaria nun país con millares de persoas danificadas. Intermón Oxfam traballa no reparto e tratamento de potabilización de auga, ademais doutros proxectos de axuda ao desenvolvemento que realizan desde fai anos no país.


A recadación realizarase semanalmente en cada biblioteca e anótarase o total recadado facéndose de maneira transparente: publicando semanalmente a cantidade recadada para que os usuarios coñezan o que se recada e o que se ingresa. Cada luns ingresarase a cantidade recadada na semana anterior na conta desta ong.


A duración da campaña non está determinada xa que dependerá de como vaia evolucionando a situación no país. Contaremos ademais coa presenza de representantes de Intermón Oxfam que nos presentarán a súa organización e falarán do seu traballo e da situación actual en Haití.


ONG e outras entidades que están traballando en/por Haití ou recadando fondos para mellorar a situación da poboación (da web de RTVE).


Noticia na web Municipal

Noticia en La Voz de Galicia


terça-feira, 26 de janeiro de 2010

Entroido 2010: comparsa da Biblioteca

A Biblioteca participa no entroido cunha comparsa que acudirá á festa organizada polo concello o Sábado 13 de Febreiro.

Este ano os disfraces irán sobre a temática do curso escolar e iremos disfrazados dun animal mariño. Ven disfrazarte connosco!

Inscricións do 25 de Xaneiro ao 5 de Febreiro nas Bibliotecas.

Disfraces na semana do 8 de Febreiro.

*Nota: avisarase de lugar e hora de realización dos disfraces ás persoas inscritas.

Festa:
  • Bertamiráns: Sábado 13 ás 18h. na Praza de Chavián
  • O Milladoiro: Sábado 13 ás 18h. na Praza de Manuel Murguía

Imaxe da festa do 2009 en Bertamiráns

quinta-feira, 21 de janeiro de 2010

Estatísticas da Biblioteca ano 2009

Datos xerais a 31 de decembro de 2009.

É significativo o aumento da poboación do concello que supera por 1 persoa os 28.000 habitantes, aproximadamente 1.000 persoas máis que no ano anterior.

Fondos documentais: 23.174 (incremento con respecto ao 2008 de 1.303 novos documentos)
A media de documentos por habitante é de 0,83 doc./hab.

Usuarios: 4.403 (incremento de 346 persoas con respecto ao 2008)
Porcentaxe da poboación que é usuaria da biblioteca: 15,72%

Empréstamos: 21.947
Préstamos por habitante: 0,78 prest./hab.
Préstamos por asociados: 5 prest./socio

Visitantes: durante o ano 2009 utilizaron a biblioteca 39.936 persoas

Participantes nas actividades organizadas pola biblioteca: 3.911 persoas

Consultas ao catálogo da Biblioteca: entre as dúas bibliotecas o seu catálogo foi consultado 785.112 veces situándose, desta maneira, na terceira biblioteca municipal máis consultada da Rede de Bibliotecas de Galicia:

Noticia na web municipal
Noticia en El Correo Gallego: Las bibliotecas municipales de Ames recibieron 40.000 visitas
Noticia en La Voz de Galicia: La Biblioteca de Ames es la tercera en número de consultas de la red gallega

segunda-feira, 18 de janeiro de 2010

Actividades animación á lectura Xaneiro 2010



Continuamos coas actividades do mar. Neste trimestre contaremos de novo con obradoiros e excursións para rapaces e raparigas. Mentras tanto, para que nos vaiamos animando, comezaremos cos contacontos para maiores de 3 anos, sen esquecer que, a final de mes, xa nos poderemos anotar á comparsa de entroido.

Contacontos:
Para nenos e nenas maiores de 3 anos
Todas as actividades ás 18h.
  • Luns 18: Local social de Augapesada
  • Martes 19: Local Social de Bugallido
  • Mércores 20: Biblioteca de Bertamiráns
  • Xoves 21: Biblioteca do Milladoiro
  • Venres 22: Local Social de Aldea Nova
Entroido:
Comparsa: No Mar
Participa na comparsa conxunta da Biblioteca e da Aula da Natureza
Elaboración de disfraces na semana do 8 de Febreiro nas bibliotecas
*Inscricións: do 25 de Xaneiro ao 5 de Febreiro nas bibliotecas e na concellaría de Medio Ambiente
Festa do entroido sábado 13 de Febreiro.